Tuesday 21 de May de 2024

A XGL aproba 7 millóns de euros de gasto para a reforma de varías rúas, axudas e contratación de servizos


Dálle luz verde á contratación do servizo de conservación e mantemento dos xardíns históricos (376.369 euros)

A Xunta de Goberno local celebrada esta mañá no Pazo Municipal de María Pita autorizou máis de 6,6 millóns de euros de gasto para a reforma de varías rúas, axudas e contratación de servizos. Déuselle luz verde á convocatoria de axudas destinadas a melloras da eficiencia enerxética e de accesibilidade en vivendas por un importe de 2,6 millóns de euros, no marco da Ordenanza municipal de concesión de axudas para a conservación e rehabilitación de edificios de vivendas aprobada en outubro.

A alcaldesa, Inés Rey, apuntou que esta convocatoria reflexa a importancia que a conservación e rehabilitación de vivendas, así como a rexeneración urbana, teñen no modelo de cidade que se persegue. O Goberno local, dixo, aposta polas políticas de rehabilitación centradas neste caso na reforma enerxética e na necesidade de garantir a accesibilidade; políticas que serven tamén para reactivar a nosa economía.Tamén se autorizou ampliar a partida destinada a bolsas para deportistas individuais que pasa de 62.500 euros a 122.500 euros, e a subscrición dun convenio coa Asociación Academia Galega do Audiovisual para contribuír aos gastos xerais da entidade e os derivados das actividades do festival Film Commision.

Ademais, na sesión de hoxe autorizouse o proxecto de reforma e remodelación da contorna do mercado de San Agustín. A actuación, que conta cun orzamento de 822.579 euros, forma parte dos proxectos da estratexia Eidus.

Doutra banda, aprobouse o proxecto para reurbanizar e humanizar a rúa Rafael Bárez Vázquez por un importe de 658.801euros e aprobouse a licitación dos traballos de remodelación das rúas Cultura e Pintor Francisco Lloréns que contan cun orzamento de 451.000 euros.

No ámbito de Urbanismo déuselle luz verde ao proxecto das obras de iluminación pública na urbanización Breogán por un importe de 1.139.621 euros e a licitación das obras de construción do acceso peonil ao polígono de Pocomaco desde o Birloque por importe de 403.373 euros. Estas obras están financiadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo plurirrexional de España 2014-2020.

Ademais, a Xunta de Goberno Local deulle o visto e prace á adxudicación do servizo de conservación e mantemento dos xardíns históricos e arborado singular á empresa Jardinería Arce SL por valor de 376.000 euros e un prazo dun ano.

Canto á Área de Benestar Social, a Xunta de Goberno Local aprobouse a ampliación da prórroga do contrato para a xestión do servizo público de Axuda a domicilio adxudicada á empresa CLECE SA, e autorizouse a sinatura dun convenio de colaboración entre o concello e o Centro Social Sagrada Familia para financiar os gastos de mantemento e as actividades da entidade en 2020.